miércoles, 20 de abril de 2011

federico garcía lorca (1898 - 1936) // seis poemas galegos

madrigal á cibdá de santiago
chove en santiago
meu doce amor.
camelia branca do ar
brila entebrecida ô sol.

chove en santiago
na noite escrura.
herbas de prata e de sono
cobren a valeira lúa.

olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar.

soma e cinza do teu mar
santiago, lonxe do sol.
agoa da mañán anterga
trema no meu corazón.


romaxe de nosa señora da barca

¡ay ruada, ruada, ruada
da virxen pequena
e a súa barca!

a virxen era pequena
e a súa coroa de prata.
marelos os catro bois
que no seu carro a levaban.

pombas de vidro traguían
a choiva pol-a montana.
mortos e mortos de néboa
pol-as congostroas chegaban.

¡virxen, deixa a túa cariña
nos doces ollos das vacas
e leva sobr'o teu manto
as foles da amortallada!

pol-a testa de galicia
xa ven salaiando a i-alba.
a virxen mira pra o mar
dend'a porta da súa casa.

¡ay ruada, ruada, ruada
da virxen pequena
e a súa barca!


cantiga do neno da tenda bos aires ten unha gaita
sobre do río da prata
que a toca o vento do norde
coa súa gris boca mollada.
¡triste ramón de sismundi!
aló, na rúa esmeralda,
basoira que te basoira
polvo d'estantes e caixas.
ao longo das rúas infindas
os galegos paseiaban
soñando un val imposíbel
na verde riba da pampa.
¡triste ramón de sismundi!
sinteu a muiñeira d'ágoa
mentres sete bois de lúa
pacían na súa lembranza.
foise pra veira do río,
veira do río da prata
sauces e cabalos núos
creban o vidro das ágoas.
non atopou o xemido
malencónico da gaita,
non viu o inmenso gaiteiro
coa frolida d'alas:
triste ramón de sismundi,
veira do río da prata,
viu na tarde amortecida
bermello muro de lama.

noiturnio do adoescente morto imos silandeiros orela do vado
pra ver ô adolescente afogado.

imos silandeiros veiriña do ar,
antes que ise río o leve pro mar.

súa i-alma choraba, ferida e pequena
embaixo os arumes de pinos e d'herbas.

agoa despenada baixaba da lúa
cobrindo de lirios a montana núa.

o vento deixaba camelias de soma
na lumieira murcha da súa triste boca.

¡vinde mozos loiros do monte e do prado
pra ver o adoescente afogado!

¡vinde xente escura do cume e do val
antes que ise río o leve pro mar!

o leve pro mar de curtiñas brancas
onde van e vên vellos bois de ágoa.

¡ay, cómo cantaban os albres do Sil
sobre a verde lúa, coma un tamboril!

¡mozos, imos, vinde, aixiña, chegar
porque xa ise río m'o leva pra o mar!

canzón de cuna pra rosalía castro, morta

¡érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡érguete, miña amada,
porque o vento muxe, coma unha vaca!

os arados van e vén
dende santiago a belén.
dende belén a santiago
un anxo ven en un barco.
un barco de prata fina
que trai a door de galicia.
galicia deitada e queda
transida de tristes herbas.
herbas que cobren teu leito
e a negra fonte dos teus cabelos.
cabelos que van ao mar
onde as nubens teñen seu nidio pombal.

¡érguete, miña amiga,
que xa cantan os galos do día!
¡érguete, miña amada,
porque o vento muxe, coma unha vaca!

danza da lúa en santiago
¡fita aquel branco galán,
olla seu transido corpo!

é a lúa que baila
na quintana dos mortos.

fita seu corpo transido
negro de somas e lobos.

nai: a lúa está bailando
na quintana dos mortos.

¿quén fire potro de pedra
na mesma porta do sono?

¡é a lúa! ¡é a lúa
na quintana dos mortos!

¿quen fita meus grises vidros
cheos de nubens seus ollos?

¡é a lúa! ¡é a lúa
na quintana dos mortos!

déixame morrer no leito
soñando con froles d'ouro.

nai: a lúa está bailando
na quintana dos mortos.

0 comentarios: